Noticias - 3C3 Editores
libros
autores coleccións   contacto acceso usuario
literatura
didáctica/ensaio
outras materias
 
 
 
 
   
    noticias
Inicio > Noticias
25/01/2010 3C3 Editores despide o ano 2009 coa publicación de 5 novos libros

No último trimestre de 2009, ademais de ver a luz o número 3 da revista Roteiros –dedicado ó tema do Republicanismo e a Democracia–, tresCtres Editores, 3C3, acaba de publicar cinco novos títulos de temática histórica, literaria, xurídica, narrativa e poesía.

Estes son os seus autores, títulos e breves referencias ós seus contidos:

Lourenzo FERNÁNDEZ PRIETO, Facendo Historia con memoria. Colección VILARNOVO / Ideas e realidades.
Este libro trata do golpe de Estado de 1936, a represión que o acompaña, a guerra civil que provoca e a ditadura franquista. Cando entran en conflito as memorias dos vencidos e as dos vencedores, por definición sempre triúnfan as dos vencedores. Só a construción histórica do pasado pode evitar este desequilibrio. Este volume recolle un feixe de artigos escritos nos últimos anos que comentan como se vén recuperando ese pasado incómodo.

Manuel LAMA GRANDE, Manual de lexislación educativa: da LOXSE á LOE. Colección DE LEI / Textos xurídicos.
Neste manual, totalmente actualizado e con especial atención a Galicia, explícanse e recóllense, de forma ordenada e indexada, todas as cuestións fundamentais relativas á lexislación aplicable ó ensino –establecendo unha comparativa entre a LOXSE e a actual LOE–, desde o de infantil ata o das persoas adultas, pasando pola ESO, o bacharelato e a FP. É un referente imprescindible para profesores, orientadores, cargos directivos e persoal administrativo de calquera centro de ensino dos citados niveis. Vai acompañado dun CD no que se clasifican e recollen todos os textos legais –máis de 150 normas– vixentes.

Humberto BUSTO, Achegas do alén Miño: Pascoães, Coimbra e Machado na Galiza. Colección NÓS-OUTROS / Ensaio.
Este conxunto de traballos recolle investigacións sobre destacados personaxes portugueses que mantiveron unha relación notable con personalidades da cultura galega e reflexionaron sobre Galicia. Pódense citar: Teixeira de Pascoães e a súa vinculación cos homes das Irmandades; no traballo sobre «A Renascença» estúdanse este movemento socio-cultural e a colaboración nel de varios autores galegos; no «Epistolario portugués de Á. Cebreiro: B. Machado» danse a coñecer 28 cartas; o traballo «Leonardo Coimbra na Galiza: viaxe, cartas e presenza intelectual» descóbrenos a relación do filósofo portugués con varios intelectuais galegos. Recóllense tamén diferentes textos inéditos, artigos de Vicente Risco e Leonardo Coimbra, así como varias fotos con valor histórico.

Lois OREIRO SERRANO, Uns ós outros. Colección VARILONGO / Poesía.
Neste libro, e en palabras do propio autor, estamos ante uns «poemas bos de ler que encabalgan un discurso de réplica ó nihilismo, á trivialidade e ó friquismo rampantes; de exploración e de resposta á nada que contesta redondamente todas as buscas de sentido, ó nihil que nos abafa absurdo no seu alén simbólico de descrenza: disque non nacendo non morreremos nunca». E son tres as partes que nesa liña e dese xeito se combinan: a da razón («Caer caendo»), a das emocións («Desamor» e «Poemario básico») e a do contexto ou contorna («Fisterrá»).

David OTERO, Nun bambán de non virar baldo. Colección CÉLTIGOS / Narración.
O presente libro consta de sete narracións diferentes, aparentemente independentes, pero que están unidas por fíos vitais de sentimentos recíprocos. Na liña temática van desde casos vivenciados da guerra civil española ata ocorridos de persoas a idades maduras e sucedidos derivados do facer de traballadores no cotián. Os elementos de ficción van da man coa fantasía.

Están xa en proceso de edición e publicaranse en tresCtres Editores, 3C3, no primeiro trimestre de 2010 os libros Xente de orde. O consentimento cara ao franquismo en Galicia –de Ana Cabana Iglesia–, o “Dicionario” Uxío Novoneyra –de Esperanza Mariño Davila–, Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo (1936–1975) –de Daniel Lanero Táboas– e o volume colectivo titulado Diversidade lingüística e cultural no ensino de linguas.

22/05/2006 Presentación da nova revista de filosofía: Roteiros

Nace Roteiros, un anuario de pensamento e de cultura, que tenta contribuír á loita contra unha sociedade que caia no adormecemento.

04/10/2005 Novidades de 3C3 Editores. Outono, 2005.

3C3 Editores está preparando a edición de novos libros, que se publicarán neste outono de 2005. Na colección Varilongo / Poesía aparecerán proximamente Escura e transparente, de Baldo Ramos —nunha edición que incluirá tamén unha serie numerada con debuxos orixinais do autor— e Cara a un solpor de gatos, de Verónica Martínez Delgado e Antonio Fernández Seoane, obra gañadora da 3ª edición do concurso de poesía Afonso Eanes do Cotón. Xosé M.ª Rei Lema é o autor de As historias de Pepe de Xan Baña, primeiro libro que analiza en profundidade a obra deste poeta xalleiro, e que se publicará en breve. Dentro da colección Xiz / Didáctica / Ámbito hispano, e dirixido ás lecturas de estudantes de Secundaria, sairá Margarita y la sombra de Atenea, de Javier Pérez Carrasco. Rufino e as súas rufinadas, de Itos Lorenzo, será o segundo título da colección Furafol / Infantil. Na colección Nós–outros / Ensaio vanse publicar dúas obras de investigación histórica: A fidalguía galega ante a crise do Antigo Réxime(1812-1868), de Antonio Presedo Garazo, e O outro Río. A emigración galega a Río de Xaneiro —de Érica Sarmiento—, cunha importante presenza de emigrantes da comarca de Xallas. Céltigos / Narración vaise enriquecer cun libro de relatos de Manuel Pereira Valcárcel —Traxectos curtos— e mais coa edición de Matei un home, novela curta que acadara o premio de narrativa Xulián Magariños Negreira, 2004.
Nestes momentos, para o vindeiro bienio 2006–2007, en tresCtres estúdase a publicación dunha trintena de novos títulos, integrados nas distintas coleccións da editora. O filólogo Xabier Campos Villar está a preparar xa o “Dicionario” Manuel Lugrís Freire, escritor ó que se lle dedican as Letras Galegas do 2006, que fará o sexto da serie que 3C3 dedica ós autores homenaxeados o 17 de maio.
Algúns dos autores de futuros libros en 3C3, para os que xa se conta con proxectos definidos, son: Manuel Quintáns, Ramón Villares, Xosé Chao Rego, Ángel Carracedo, Xosé Manuel Beiras, Lois Oreiro, Xulio Pardo de Neyra...
Por outra parte, 3C3 Editores asinou un convenio coa Asociación Cultural de Pensamento Filosófico para a próxima publicación dunha nova revista-anuario, que se chamará Roteiro. Arumes de pensamento crítico.

14/04/2005 Próxima presentación en Compostela do noso Dicionario galego de Filosofía.

Será na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, o xoves, 21 de abril, a partir das 8 da tarde. Participarán no acto os seus autores –Manuel Rivas García, Moisés Lozano Paz e Xosé M. Domínguez Prieto–, o prologuista –Xosé Luís Barreiro Barreiro, profesor da USC– e o director editorial de 3C3, Antonio Puentes Chao. Este Dicionario galego de Filosofía, xa se deu a coñecer tamén en Pontevedra, durante as xornadas da Semana Galega de Filosofía, que tivo lugar nos últimos días do pasado mes de marzo.

13/04/2005 O “Dicionario” Lorenzo Varela, Letras Galegas 2005, estará xa editado nos vindeiros días.

Gregorio Ferreiro Fente é o autor neste ano do libro que habitualmente publicamos, dedicado ó estudo do personaxe central da celebración das Letras Galegas. Fai o número 5 da serie “Dicionario” e chegará ás librerías do país antes de que remate este mes de abril. Polo seu carácter divulgativo, recursos didácticos e coidada feitura xeral, agardamos que esta obra teña tan xeitosa acollida coma nos anos precedentes, non só nas librerías, senón tamén nos centros de ensino de secundaria, concellos e outras entidades culturais. O “Dicionario” Lorenzo Varela será presentado publicamente en diversas localidades de Galicia, antes do próximo 17 de maio.

12/04/2005 Juan Besada leva a Paraguai o seu libro de poemas, Por no sufrir amnesia.

O vindeiro día 18 de abril o poeta e filósofo Juan Besada vai presentar en Asunción (Paraguai) o seu primeiro libro de poemas, Por no sufrir amnesia (Colección VARILONGO / Poesía / Ámbito hispano). Será no Centro Cultural de España “J. De Salazar”da capital deste país suramericano, no marco da celebración da V Feria de escritores de Paraguay. Aló chegarán estes anacos poéticos editados por 3C3. E nos comezos do vindeiro mes de xuño, este libro de poemas tamén se presentará nas Pontes de García Rodríguez, continuando cos actos públicos que se teñen celebrado xa en Santiago de Compostela e Rianxo.

25/02/2005 Presentación en Rianxo do libro de poemas Por no sufrir amnesia (5 de marzo)

O vindeiro sábado, 5 de marzo, ás 20 horas, na Casa da Cultura "Cuartel Vello" de Rianxo terá lugar a presentación do libro do poeta Juan Besada, Por no sufrir amnesia. Intervirán o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida, o director editorial de 3C3 Editores, X. Amancio Liñares Giraut e a xornalista e tradutora que prepara a versión deste libro en alemán, Barbara Klimmeck, ademais do propio autor, quen realizará un recitado dalgús dos seus poemas. Este acto está organizado pola Área de Cultura do Concello de Rianxo e 3C3

17/01/2005 Presentación de Por no sufrir amnesia

O vindeiro martes, día 25 de xaneiro, ás 8 da tarde, presentarase en Santiago, na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16), o poemario de Juan Besada Por no sufrir amnesia . No acto intervirán, ademais do propio autor, o profesor e escritor Manuel Quintáns Suárez e o director editorial de 3C3 Antonio Puentes.

09/12/2004 Novo enderezo de 3C3 Editores

Dende o pasado día 1 de decembro, 3C3 Editores conta cunha nova sede máis ampla, funcional e ben dotada para acoller a nosa factoría de deseño e edición, así como unha mellor atención ó público (seareiros, autores, lectores...). Velaquí o novo enderezo de 3C3: Urbanización AS MIMOSAS, 70. 15895 Biduído – AMES (A CORUÑA).

09/12/2004 Erica Sarmiento e a emigración dos galegos a Río de Xaneiro

A xornalista e historiadora brasileira Erica Sarmiento vai publicar proximamente connosco un interesante libro que trata o tema da emigración galega a Río de Xaneiro, froito do seu labor investigador nos últimos anos. Estamos agora co traballo de tradución ó idioma galego desta obra escrita orixinariamente na lingua portuguesa / brasileira, e que dedica un amplo capítulo á numerosa emigración a Brasil dos emigrantes procedentes da Terra de Xallas.

09/12/2004 Os Traxectos curtos do escritor Manuel Pereira Valcárcel na colección CÉLTIGOS / Narración

Cos seus relatos e fotografías orixinais, o escritor estradense de nacenza, mestre e veciño de Madrid, autor xa de varios libros, vai publicar en 3C3 un conxunto de narracións que agrupou co título Traxectos curtos. Levará unha cuberta de Cristina Durán Arufe, a ilustradora encargada das portadas da colección de narrativa CÉLTIGOS.

09/12/2004 Presentouse na Estrada o libro Xogos e dinámicas cooperativas de educación para a saúde

O venres, 3 de decembro, celebrouse na localidade pontevedresa da Estrada a presentación do libro Xogos e dinámicas cooperativas de educación para a saúde, recente publicación da colección XIZ / Didáctica de 3C3. No acto, promovido polo grupo comarcal estradense de Cáritas, participaron os autores da obra e José S. Montes Pérez, director de Cáritas na diocese de Santiago e prologuista deste interesante traballo, moi útil para a aprendizaxe de xogos que fomentan valores positivos, con dinámicas cooperativas e saudables. É un libro axeitado para colectivos dedicados á infancia, campamentos, colexios, etc.

08/12/2004 Próxima estrea da colección DE LEI / Textos xurídicos

Estamos preparando a edición do libro Obra plástica, propiedade intelectual e administración, da autoría de Francisco Castro Allegue. Con el 3C3 abre unha nova colección dedicada á divulgación e comentarios sobre textos xurídicos, e que chamamos DE LEI.

11/10/2004 Cara a un solpor de gatos, de Verónica Martínez e Antonio Fernández, acadou o premio no III Concurso de Poesía “Afonso Eanes do Cotón”, de ámbito galego

A colección VARILONGO/Poesía, de 3C3, publicará un novo título no vindeiro ano: Cara a un solpor de gatos. Este pasado sábado, 9 de outubro, fallouse na vila de Negreira a 3ª edición do Premio de Poesía “Afonso Eanes do Cotón”, un certame que organiza a Asociación Cultural Afonso Eanes, coa colaboración de tresCtres Editores e euroGráficas, e o patrocinio do Concello de Negreira. Os poetas galardoados, autores dunha obra compartida, son Verónica Martínez Delgado (de Valdoviño) e Antonio Fernández Seoane (de Cariño). O premio (1.200 €, figura conmemorativa e edición da obra gañadora) entregarase na Casa da Cultura de Negreira no vindeiro mes de novembro. E será 3C3 quen publique Cara a un solpor de gatos, no outono do 2005, enriquecendo así a nosa colección poética.

05/10/2004 ¿Onde se poden mercar os libros de tresCtres Editores?

Amais da páxina web www.tresctres.com, dos pedidos por correo, teléfono ou fax ó noso enderezo e das principais librerías de Galicia, se non atopa algún dos exemplares que precise no seu establecemento habitual, pode indicarlle ós señores libreiros que as publicacións de 3C3 están nas seguintes distribuidoras: Grial (Galicia), Breogán (Madrid e centro de España) e Midac (Cataluña). Tamén se lle poden solicitar á librería de Andel Virtual (www.andelvirtual.com) e a Biblos, clube de lectores (www.biblosclube.com).

05/10/2004 Novas instalacións de tresCtres Editores en Biduído (Ames)

A nosa editorial vai medrando. Por iso, antes do remate do presente ano 2004, trasladaremos as nosas oficinas da Rúa do Pombal, 35, en Compostela, a unha nova sede no val da Maía, tamén na Terra de Santiago. Necesidades da loxística levaron a 3C3 á busca dunha sede máis espazosa. Por iso, para as novas dependencias do equipo de deseño 3C3, preimpresión e atención ós nosos clientes vaise contar cunha casa de seu na urbanización As Mimosas (Biduído-Ames). Manterémolos informados das datas do cambio do domicilio empresarial, ofrecéndolles os datos completos do novo enderezo de tresCtres Editores.

05/10/2004 A análise da fidalguía galega nun libro do historiador Antonio Presedo Garazo

Proximamente imos enriquecer a colección NÓS–OUTROS/Ensaio coa publicación dun libro do especialista en Historia Moderna, Antonio Presedo. O seu título será A fidalguía galega ante a crise do Antigo Réxime (1812–1868).

05/10/2004 Rufino e as súas rufinadas, da psicóloga Itos Lorenzo, na colección FURAFOL/Infantil

Vai ser o segundo libro de FURAFOL. Trátase dun conto orixinal de Itos Lorenzo, no que teñen presenza os debuxos dun grupo de alumnos de primaria do CEI de Bertamiráns. Estará nas librerías do país nos vindeiros meses e ha ser presentado nun acto que contará coa colaboración do Concello de Ames.

05/10/2004 Juan Besada elixiu 3C3 para publicar o seu libro de poemas, Por no sufrir amnesia

Será outra das novidades neste outono. Por no sufrir amnesia, de Juan Besada, vai supor a estrea de poemas en lingua castelá na nosa colección VARILONGO/Poesía. Coma sempre, David Ferrando Giraut, responsable das portadas da nosa colección poética, é o autor da cuberta deste libro que non esquece a poesía social.

05/10/2004 Presenza de tresCtres nos buscadores da Rede

Se un usuario “pincha” nun buscador a palabra tresctres, atopará máis dun cento de entradas relacionadas coa nosa editora. Moitos dos actos de presentación, comentarios e edicións de libros aparecen reflectidos na Rede. Podemos fixarnos, por exemplo, na ampla presenza do libro de Andrés Villar e Rubén Suárez, 40 aventuras al final del Camino (2004), citado en varias publicacións e librerías especializadas nos deportes de aventuras. Tamén podemos reler as recensións dos nosos libros —publicadas en diversos medios de prensa—, e asinadas por especialistas e críticos literarios como Xesús Alonso Montero, Manuel Quintáns, Armando Requeixo, Marcos Valcárcel...

05/10/2004 tresCtres publicará o primeiro Dicionario de Filosofía en lingua galega

Nos vindeiros meses vai chegar ás librerías o Dicionario Galego de Filosofía, primeiro que se edita en lingua galega, e elaborado por un equipo de profesores integrado por Manuel Rivas García, Moisés Lozano Paz e Xosé M. Domínguez Prieto. Os tres teñen ampla experiencia no mundo da docencia e desta disciplina filosófica. A obra está pensada para un lector medio, pero tamén ten vocación de ser útil e estar presente no mundo do ensino do bacharelato. Será un Dicionario de Filosofía elaborado coas raíces en Galicia, pero co pensamento posto no ámbito mundial.

05/10/2004 O filólogo Gregorio Ferreiro está preparando a edición do “Dicionario” Lorenzo Varela

O escritor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas do ano 2005 é o poeta Lorenzo Varela. 3C3 ofreceralles ós lectores un novo “Dicionario” dedicado ó personaxe homenaxeado o 17 de maio. Nesta ocasión será o filólogo Gregorio Ferreiro Fente quen elabore esta monografía dirixida, en xeral, a divulgar a vida e obra de Lorenzo Varela, e cun enfoque específico cara ó mundo do ensino secundario. Continúase así a colección iniciada por tresCtres no 2001, arredor da figura de Eladio Rodríguez, e continuada cos “Dicionarios” dedicados a Frei Martín Sarmiento (2002), Antón Avilés de Taramancos (2003) e Xaquín Lorenzo “Xocas” (2004).

05/10/2004 Inminente publicación do libro de José de Vicente González e Mariano Azores Torres, Monasterios, cartujas y conventos en las rutas compostelanas españolas

Á beira do Camiño de Santiago e ó longo dos tempos, diferentes ordes relixiosas cristiás foron erguendo construcións singulares. Neste libro, profusamente documentado e ilustrado, os autores estudan e descríbennos máis de corenta mosteiros, abadías e conventos situados nas tres principais rutas compostelás hispánicas: a francesa, a do centro e a da Prata. Primeiro, nun amplo capítulo de xeneralidades, fálannos tamén da simboloxía do mundo xacobeo e do que representan esas ordes relixiosas que fixeron agromar tantas obras artísticas e centros de culto, compañeiros dos peregrinos que percorren os camiños que chegan a Compostela. Leva unha presentación de Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, e un prólogo da ex-ministra de sanidade e consumo Ana M.ª Pastor Julián. José de Vicente González, doutor en Veterinaria e licenciado en Farmacia, xa publicara en 3C3 a obra Boticas monásticas, cartujanas y conventuales en España (2002). Os dous libros que comentamos edítanse en lingua castelá, dirixidos ó ámbito hispano.

05/10/2004 Fallo do III Premio de Poesía “Afonso Eanes do Cotón”, de ámbito galego

O próximo sábado, 9 de outubro, vaise coñecer o gañador do III PREMIO DE POESÍA “AFONSO EANES DO COTÓN” —de ámbito galego—, convocado pola Asociación Cultural “Afonso Eanes”, co patrocinio do Concello de Negreira, 3C3 Editores e euroGráficas. Á terceira edición deste certame concorren vinte e nove obras. O xurado que ha fallar o premio está integrado por un grupo de poetas, profesores e críticos literarios: Xoán Xosé Fernández Abella, Uxío Ferrás Sexto, Esperanza Mariño Davila, Armando Requeixo e Miro Villar. O concelleiro de Cultura de Negreira —Jorge Couso García—será o secretario. Despois das deliberacións deste xurado, farase público o gañador do premio, na sobremesa dun xantar presidido polo alcalde de Negreira, Xosé Blanco Pazos. Será no Hotel Tamara, ás 5 da tarde. A entrega do premio (1.200 euros, edición do libro na colección de poesía Varilongo, de 3C3, e figura conmemorativa) terá lugar con posterioridade —en data aínda sen fixar— no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira, nun acto literario-musical, no que se incluirá un recital poético. Neste mesmo mes de outubro, 3C3 editará a obra gañadora na pasada edición, Maio de mel ou lapa, do autor ferrolán Xoán Xosé García.

04/10/2004 O 26 de outubro, en Santiago, presentación do libro de Xosé Chao Rego, A muller, ¡que cale! Raíces do antifeminismo

O vindeiro martes, 26 de outubro, tresCtres Editores presenta na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16) de Compostela o libro do ensaísta e teólogo Xosé Chao Rego, A muller, ¡que cale! Raíces do antifeminismo. No acto intervirán, ademais do autor, a profesora da USC e prologuista da obra, Mª. Xosé Agra Romero; a secretaria da revista Encrucillada e escritora, Engracia Vidal Estévez e o director editorial de 3C3, X. Amancio Liñares Giraut. Con este libro, tresCtres estrea a súa colección COMBA/A muller. É a segunda obra que Xosé Chao publica na nosa editora, despois de sacar á luz O relato hebraico. A Biblia contada dende a lareira, que tamén abrira a colección VILARNOVO/Ideas e realidades no ano 2001.

04/10/2004 Ofertas nas compras de libros 3C3

En tresCtres Editores temos prezos de oferta para a compra dos nosos libros, sempre que se realice un pedido de máis de nove exemplares de cada título. O desconto supón entre un 15 ou 20% por unidade, e xa se aplica directamente na suma das compras a través de tresctres.com e, por suposto, nos pedidos directamente por carta, teléfono ou fax ó enderezo da editorial.

04/10/2004 Nota de prensa (texto íntegro): www.tresctres.com, a nova web de 3C3 Editores. Novidades de 3C3 Editores, outubro de 2004

3C3 editores xa ten operativa a súa nova páxina web (www.tresctres.com), na que se pode atopar o catálogo completo das obras publicadas pola editorial, tamén agrupadas polas áreas de literatura, didáctica/ensaio e outras materias. Nesta páxina de Internet hai ademais referencias concretas ós autores de 3C3, coleccións, noticias, novidades editoriais e xeito de contactar coa editorial. Así mesmo existe un apartado (“¿Quen somos?”) que dá conta do proxecto e realidade actual de 3C3. En tresctres.com tamén se ofrece a posibilidade de mercar libros directamente, a través desta vía informática. Á web de 3C3 éntrase coa información en idioma galego, inda que, xa dende o inicio, se pode acceder igualmente á versión en castelán. No último trimestre do 2004, 3C3 Editores ten previsto publicar novos libros. Xa está nas librerías o ensaio de Xosé Chao Rego, A muller, ¡que cale! Raíces do antifeminismo, co que se estrea a colección Comba/A muller. Neste mes de outubro tamén sairá o libro de José de Vicente e Mariano Azores, Monasterios, cartujas y conventos en las rutas compostelanas españolas, en lingua castelá, para o ámbito hispano. Proximamente 3C3 vai sacar á luz dous libros na colección Varilongo/Poesía: Maio de mel ou lapa, de Xoán Xosé García (II Premio de Poesía Afonso Eanes do Cotón) e Para no sufrir amnesia, de Juan Besada. Noutro apartado, Rufino e as súas rufinadas, de Itos Lorenzo, será o segundo título da colección Furafol/Infantil. Nas próximas semanas tamén se editará unha obra novidosa, o Dicionario Galego de Filosofía, da autoría de Manuel Rivas, Moisés Lozano e Xosé M. Domínguez, dirixido ó público en xeral e especificamente ó mundo do ensino. Na colección Nós–outros/ensaio está previsto publicar dúas obras de investigación histórica: sobre a crise da fidalguía galega no Antigo Réxime (1812–1868), de Antonio Presedo Garazo, e, probablemente, sobre a emigración dos galegos a Río de Xaneiro —de Erica Sarmiento—, cunha importante presenza de emigrantes da comarca de Xallas, pendente agora da tradución ó galego, dende o orixinal redactado en portugués. Tamén será novidade o libro de Francisco Castro Allegue, Obra plástica, propiedade intelectual e administración, que estrea a colección De Lei/Textos xurídicos. Céltigos/Narración vaise enriquecer co libro de relatos de Manuel Pereira Valcárcel, Traxectos curtos. E o filólogo Gregorio Ferreiro Fente está xa a preparar o “Dicionario” Lorenzo Varela, escritor ó que se lle dedican as Letras Galegas do ano 2005, que fará o quinto da serie que 3C3 dedica ós autores do 17 de maio. Nestes momentos, para os vindeiros meses e o novo ano 2005, en tresCtres estúdase a publicación dunha trintena de novos títulos, integrados nas coleccións de poesía, infantil, narración, ensaio, agraria, ensino, menciña e saúde ou política. Algúns dos autores desta relación de futuros libros en 3C3 son Manuel Quintáns, Baldomero Cores, Javier Pérez Carrasco, Lourenzo Fernández Prieto, Ramón Villares, Xosé Chao Rego, Carlos Ferrás, Ángel Carracedo, David Otero, Camilo Nogueira, Xosé M. Núñez Seixas, Borobó, Baldo Ramos, Xulio Pardo de Neyra, Mª Soledad Gesto Mallón...

 

Xosé Villar Granjel, 35, 1.ª planta. Polígono de Boisaca. 15890 Santiago de Compostela . Tel. 981 535 960 Fax 981 818 799  

a
r
t
i
g
o
s
3
i
m
p
o
r
t
e
41,00
¿quen somos?