TresCtres Editores, 3C3, nace como realidade editorial en marzo de 2001, asentada nos alicerces de 3C3 Deseño. A dirección editorial de 3C3 está compartida por X. Amancio Liñares Giraut e Antonio Puentes Chao, profesores no ensino secundario e escritores.
3C3 xurdiu con vocación de ser unha nova editora no universo das letras. Contribuír a impulsar a cultura e as letras galegas é un dos nosos obxectivos, inda que tamén queremos contar cunha presenza de noso no mundo editorial hispánico e luso, e somos receptivos á publicación de obras de calidade en calquera idioma. 3C3 aposta por editar todo o que se considere interesante, inda que pertenza a ámbitos diferentes.
Partimos da idea de que editar no noso país é unha aventura empresarial difícil, pero moi fermosa e altamente necesaria. Posto que vivimos nunha sociedade plural e complexa, varias son tamén as coleccións creadas por 3C3, que tentan darlle resposta a un amplo abano de xéneros e disciplinas: literatura, ensaio, economía, letras galegas, mundo agrario, biografías, libro infantil e xuvenil, música, ecoloxía, teatro, saúde... son algunhas das 22 áreas ás que se dirixen as nosas publicacións. Ademais, tamén se publican libros singulares, fóra de colección. |